GALICIA: Valedor pide información complementaria sobre as presuntas irregularidades nas oposicións

O Valedor do Pobo, Benigno López González, diríxese de novo á Conselleira de Sanidade co fin de aclarar as presuntas irregularidades nos procesos selectivos do Sergas e tras ter recibido xa dous informes deste departamento da Xunta.  “A información non resulta suficiente para descartar calquera irregularidade”, asegura, toda vez que afirma no novo escrito que a propia Consellería parece coincidir con esta impresión ao anunciarlle unha investigación complementaria da inspección. López González quere coñecer nesta ocasión “con urxencia” datos sobre as persoas que obtiveron as máximas puntuacións e mesmo os detalles sobre a posible vinculación familiar dalgúns dos aspirantes cunha das funcionarias implicadas na organización das probas. De non poder clarexar o ocorrido, non descarta personarse na Consellería para comprobar os datos in situ. 

No novo escrito datado o pasado 25 de maio, dirixido tanto á titular do departamento da Xunta, Pilar Farjas, como aos socialistas Xoaquín Fernández Leiceaga, José Manuel Lage Tuñas e Francisco Cerviño, promotores da queixa; o Valedor pide con urxencia que “se facilite aclaración sobre se as máximas puntuacións das probas as obtiveron persoas do departamento de Recursos Humanos, encargado da xestión e a organización das mesmas; sobre os detalles desta circunstancia, en caso de confirmarse, con mención de tódolos aspectos relevantes para valorar tal cousa (concorrentes, puntuacións, persoas que traballan no departamento aludido, análise estatístico …), así como das conclusións de tal estudo”. 

O alto comisionado da Cámara reclama, por outra banda, aclaracións sobre se persoas familiarmente vinculadas cunha funcionaria responsable da xestión e organización das probas teñen notas altas nelas, tal e como apareceu nas diferentes informacións;  e sobre as investigacións conducentes a descartar posibles filtracións persoais que facilitaran todo ou parte dos exames aos familiares. Tamén quere coñecer as conclusións da auditoría da inspección xeral, e acceder ás novas esixencias que se habilitarán para eliminar dúbidas no acceso ás prazas.

Dous informes

Dende que a principios de mes o Valedor do Pobo decidira admitir a trámite a queixa presentada polos tres deputados socialistas, recibíronse na institución dous informes por parte da Consellería. O primeiro referíase ás normas relativas a elaboración do exame e a súa custodia, e no mesmo indícase que a Subdirección Xeral de Sistemas de Información revisou todos os aspectos informatizados susceptibles de incidir no resultado do exercicio, e que aos presidentes dos tribunais se lles esixiu que “certificasen se existiu algunha irregularidade na trazabilidade do exame elaborado, se se produciu algunha perda de exame, ou algún problema no control da súa custodia”. Segundo as informacións de Sanidade, en ningún destes casos se evidenciaron irregularidades. O documento aseguraba ter identificadas todas as persoas que durante o proceso selectivo do Sergas tiveron acceso ao exame, e aseguraba que ningunha delas nin os seus familiares participaran no mesmo. 

Na última parte do escrito anunciábase a realización dunha auditoría da inspección xeral de avaliación de reforma administrativa, “de modo que si dela se deduce algunha información relevante se lle informará inmediatamente.”

Do segundo informe achegado á institución en termos semellantes, o Valedor  destaca por “significativo” o anuncio da Consellería da súa intención de promover “novas esixencias que axuden a eliminar calquera dúbida que, con respecto ao acceso ás prazas, poida existir”.  Neste caso apúntanse medidas con respecto ás persoas que participan dalgunha forma na organización do proceso selectivo. 

Personación

Unha vez recibido e analizado o informe complementario que agora se solicita o Valedor do Pobo mantén aberta a posibilidade de personarse no departamento dirixido por Farjas, en caso de que resultase insuficiente para descartar a ausencia de irregularidades, coa finalidade de comprobar datos, realizar entrevistas persoais, e  estudar expedientes e documentos relacionados co obxecto da queixa

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.