Galicia: O Valedor abre investigación sobre as presuntas irregularidades nas oposicións do Sergas

O Alto Comisionado Galego  admitiu a trámite a queixa presentada por tres membros do Grupo Parlamentario Socialista e solicita da conselleira de Sanidade que facilite información sobre as eventuais filtracións e pescudas abertas ao respecto.

 

O Valedor do Pobo, Benigno López González, decidiu abrir unha investigación “exhaustiva” co fin de aclarar as presuntas irregularidades rexistradas en diferentes procesos selectivos de emprego público desenvolvidos polo Servizo Galego de Saúde. “O procedemento levarase con exhaustividade, intensidade e total transparencia dada a gravidade destas acusacións” anuncia o Valedor do Pobo, quen decidiu admitir a trámite a queixa presentada ao respecto o pasado martes, 4 de maio,  por tres representantes do Grupo Parlamentario Socialista. Deste xeito, e con data de hoxe, diríxese á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas,  co fin de que lle informe sobre estes eventuais incidentes e as pescudas realizadas no seo do seu departamento. En caso de que a documentación achegada resulte insuficiente, o Alto Comisionado Parlamentario non descarta presentarse no citado órgano para comprobar, de xeito presencial, os extremos da reclamación. 

No escrito remitido hoxe, Benigno López González pide á Consellería que informe de xeito específico sobre o procedemento aberto para comprobar as presuntas irregularidades,  e que, de ter investigado ás persoas que traballan no departamento onde se elaboran e preparan as oposicións,  achegue os resultados das súas pescudas. Precisamente os promotores da queixa amosaron ante o Valedor a súa preocupación pola presunta “concatenación de casualidades” que, segundo eles, lles achegaran os sindicatos que apuntaban como epicentro do problema á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. “Que persoas que traballan no mesmo departamento onde se elaboran e preparan os procesos selectivos acaben obtendo as puntuacións máis altas nas probas convocadas entre máis de 7.500 persoas ou ben é un milagre ou ben unha inmensa casualidade”, relataban no seu escrito os comparecentes Xoaquín Fernández Leiceaga, José Manuel Lage Tuñas e Francisco Cerviño González.

O Valedor tamén adianta á Xunta que,  se o informe agardado resultase insuficiente aos efectos de clarexar a situación e descartar a ausencia de irregularidades nos procesos, “avaliaríase a conveniencia de acudir persoalmente a ese órgano, de acordo co disposto no art. 23 da Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo,  para a comprobación de datos, a realización de entrevistas persoais, e o estudo de expedientes e documentos relacionados co obxecto da queixa”. 

“Graves sospeitas”

No expediente remitido hoxe á Consellería, o Alto Comisionado Parlamentario achega a Pilar Farjas algunhas das impresións que os representantes do PSOE lle transmitiran no seu escrito de queixa, no que literalmente manifestaron ter “graves sospeitas que pesan sobre diferentes procesos selectivos para o acceso ao emprego público no Servizo Galego de Saúde”. Segundo os socialistas esta situación está a causar importante alarma social polo “desamparo” ao que se ven sometidos os opositores, sobre todo nas categorías de ATS/DUE, auxiliar administrativo,  persoal de servizos xerais, celadores e grupo administrativo. Inclúese ademáis que o propio persoal do Servizo Galego de Saúde fixo público o pasado 28 de marzo a existencia de “fallos na custodia dos exames”.

O Valedor do Pobo achegou tamén con data de hoxe un oficio aos asinantes da queixa no que se lles da conta das actuacións emprendidas ante a Consellería de Sanidade  e da admisión a trámite da reclamación ao entender que reúne os requisitos formais legais e que atopa, en principio,  cobertura constitucional

FUENTE: Tomado de la web del Valedor do Pobo.