GALICIA:A intervención do Valedor provoca que Sanidade aparte dos tribunais das oposicións ás persoa

O Valedor do Pobo, Benigno López González, decidiu concluír hoxe, aínda que de forma provisional, a investigación aberta o pasado mes de maio para aclarar as irregularidades cometidas nos procesos selectivos do Sergas. A decisión chega despois de que a Consellería de Sanidade aceptase formalmente dar efectividade ás catro recomendacións que lle dirixiu o Valedor o pasado mes de outubro encamiñadas, entre outros aspectos, a separar dos procesos selectivos ás persoas que indebidamente formaron parte dos tribunais , algo que xa conseguiu. Non obstante, o defensor galego permanecerá vixiante para que o ocorrido non prexudique aos opositores que concorreron de forma lexítima.

 

Unha das principais irregularidades detectadas polo Valedor do Pobo no corso da súa investigación tivo que ver coa participación no proceso, como membros de tribunais, de persoas “que deberan terse abstido” e nas que concorrían relacións familiares e de xerarquía respecto dos opositores. Apartar estes individuos dos procesos selectivos foi, precisamente,  o obxecto, agora cumprido, dunha das catro recomendacións que formulou á Consellería de Sanidade o pasado mes de outubro.

 

Benigno López tamén puido constatar coa súa investigación que algúns aspirantes participaran como colaboradores nos procesos, sendo traballadores de plantilla ou de facto da Dirección de Recursos Humanos do Sergas.

 

Irregularidades en todas as fases


Os incumprimentos e irregularidades atopados afectaron a case todas as fases das oposicións do Sergas. “Observáronse na designación dos membros dos tribunais, nas causas de abstención deles, nas funcións e responsabilidades dos tribunais, nos procesos de elaboración dos contidos dos exames, nas actuacións de persoal colaborador do tribunal, na custodia dos contidos de exames, no proceso de impresión dos cuestionarios de preguntas, no proceso de impresión de plantillas de respostas, na participación dos tribunais no día da celebración dos exames, no proceso de entrega por parte do tribunal da plantilla de respostas correctas, no proceso de corrección de exames, e no proceso de análise e resolución de impugnacións”, indica o Valedor. A Consellería tamén aceptou, neste senso, a recomendación do comisionado cara a facer unha fonda revisión dos procedementos, unha medida agora en marcha e ante a que permanecerá vixiante.

 

Sanidade tamén deu o visto bó ás dúas recomendacións restantes encamiñadas, por unha banda a que faga “unha avaliación estatística para comprobar ata que punto atopámonos ante unha casualidade moi improbable, de acordo co parámetro de comportamento dos concorrentes nas diferentes categorías” e, por outra, “a realización de informes da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa para cada un dos tribunais nos que se valoren as eventuais responsabilidades dos opositores implicados” que xa foron achegados en datas recentes. 

 

En defensa da lexitimidade


Coas súas actuacións, o Valedor do Pobo aspira a preservar os procesos cuestionados dunha impugnación global. Non obstante, matiza Benigno López, resta por coñecer a posición dos tribunais respecto dos opositores implicados, algo que lle resulta de suma importancia para a “preservación dos moitísimos opositores que concorreron aos procesos de forma lexítima e que non deberan ver prexudicado o seu considerable esforzo e bos resultados por algo que debera evitarse”. Deste xeito, ademáis da dos tres deputados socialistas promotores da queixa (Xoaquín Fernández Leiceaga, José Manuel Lage Tuñas e Francisco Cerviño González) a institución recibiu nos últimos meses iniciativas de opositores afectados de xeito negativo polas irregularidades.

 

Aínda que as catro recomendacións veñen de ser aceptadas e postas en marcha, o Valedor fará un seguimento “do que finalmente se resolva en relación cos opositores implicados”, un aspecto que considera clave para realizar unha última valoración da presente queixa e para “deixar constancia da limpeza última dos procesos selectivos e preservalos de posibles impugnacións baseadas nalgunhas circunstancias das que dende hai tempo se deixou constancia no informe de inspección, posteriormente confirmado”.

 

O escrito de hoxe foi remitido pola institución tanto á Consellería de Sanidade como aos promotores da queixa.

 

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.