GALICIA: Valedor aclara o problema das elevadas temperaturas rexistradas no Colexio en Cangas

O Valedor do Pobo, Benigno López González, firmou con data de hoxe unha queixa de oficio na que se dirixe ao conselleiro de educación co fin de que aclare as súas actuacións ante as elevadas temperaturas que parecen padecer alumnos do Colexio Público de Nazaret en Cangas, tal e como veñen denunciado os pais dos mesmos.

Con esta iniciativa, o alto comisionado parlamentario quere supervisar a actividade da Administración, ao obxecto de garantir o respecto ao dereito constitucional da saúde dos afectados.

No escrito de apertura da súa investigación sumaria e informal, o defensor solicita do departamento dirixido por Xesús Vázquez, que achegue no prazo de dúas semanas información sobre este problema e, máis concretamente, sobre as obras que se teñen realizado para solucionar esta situación, que segundo denuncian os afectados, estase a prolongar dende hai máis de tres anos. Riquire ademáis datos sobre a activación nestes días dun plan de emerxencia “para evitar que os pais recollan os nenos ao mediodía, sen poder finalizar a xornada lectiva” e información, se teñen realizado, de auditorías ou estudos sobre a calidade ambiental do edificio.
 

 

Ingresos habituais

O documento do Valedor do Pobo faise eco de que os pais teñen informado de ingresos habituais dos menores durante o inverno por bronquite ou pneumonías, motivados, segundo cren, pola diferenza de temperatura entre o interior e o exterior.

Para concluir, o titular da Consellería de Educación deberá, por outra banda, aclarar as razóns da negativa do Xefe Territorial da Consellería a conceder unha autorización para que un notario puidera levantar acta das medicións realizadas por un arquitecto e un aparellador realizadas por encargo dos pais.

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.