GALICIA: Unha representación do Valedor acode á Asemblea Anual da ENOC en Estrasburgo

O encontro da Rede Europea de Defensores de Menores (ENOC) celébrase na presente edición baixo o lema Escoitando aos nenos e involucrándoos na promoción e implementación dos seus dereitos.

O Vicevaledor do Pobo especializado en materia de menores, José Julio Fernández, permanece ata o próximo 9 de outubro en Estrasburgo, onde asiste ao XIV Encontro Anual da ENOC, a European Network of Ombudspersons for Children (Rede europea de Defensores de Menores) da que a institución do Valedor do Pobo é membro de pleno dereito.

O encontro ten lugar no European Youth Centre do Consello de Europa, na cidade francesa, e adoptou como lema: Listening to children and involving them in the promotion and implementation of their rights (Escoitando aos nenos e involucrándoos na promoción e implementación dos seus dereitos).

Unha das novidades desta convocatoria radica en que se abriu a participación a grupos de asesoramento á mocidade de 15 países membros da ENOC, favorecendo a súa colaboración e interactividade cos defensores. Estes, pola súa banda, poderán asistir a sesións específicas nas que se tratarán asuntos relacionados cos máis novos como a violencia, educación, saúde, privacidade e os riscos derivados do uso das novas tecnoloxías.

Segundo os organizadores, «a Conferencia brinda unha oportunidade única aos mozos para desenvolver os seus puntos de vista, análise e propostas vinculadas aos dereitos dos menores» e favorece, como cada ano, o intercambio de boas prácticas e estratexias entre os defensores e as diferentes institucións implicadas na protección aos menores, como son o Consello de Europa, o Parlamento Europeo o Comité de Nacións Unidas para os Dereitos do Neno, a Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea ou Unicef, entre outras.

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.