O Alto Comisionado Galego remitiu a súa resolución ao reitor coruñés con data de onte, no marco dunha actuación promovida de oficio para aclarar os extremos das concentracións masivas de persoas con consumo de alcol no entorno dos centros universitarios rexistradas no mes de marzo.
O Valedor do Pobo, Benigno López González, dirixiu con data de onte unha recomendación ao reitor da Universidade da Coruña co fin de que “se absteña” de autorizar novas concentracións de estudantes no entorno do recinto universitario e para tentar de evitar as que se poidan producir sen o permiso correspondente. Esta resolución chega trala investigación aberta polo alto comisionado parlamentario por mor dos botellóns celebrados no campus en diferentes festividades universitarias no mes de marzo.
No seu escrito o Valedor considera que estes botellóns resultan “contrarios aos fins que son propios das universidades” e logo de solicitar informe ao reitorado coruñés por dúas veces e ao Concello da Coruña, implicado polo ente académico para aclarar os incidentes, dirixe a seguinte recomendación ao Reitor: “Que no caso de producirse novas solicitudes de autorización para celebracións ou espectáculos no exterior dos recintos universitarios, con previsible afluencia masiva, esa Universidade se absteña de outorgalas, e no caso de coñecer a súa previsible celebración sen autorización, se realicen ou impulsen as actuacións precisas por quen corresponda para impedir que se produzan esas concentracións masivas con consumo de alcohol no entorno dos centros universitarios e aínda dentro dos mesmos, como sucedera no caso examinado, por resultar contrarias aos fins que son propios das universidades”.
Concentración de estudantes
O Valedor do Pobo decidira abrir no pasado mes de abril unha investigación de oficio para aclarar, entre outros, os presuntos incidentes rexistrados nos campus de A Coruña pola celebración de botellóns nos recintos universitarios, aos que acudiron milleiros de estudantes. No marco das súas actuacións, dirixiuse á máxima autoridade académica coruñesa co obxecto de que aclarase “se autorizara ou consentira dalgunha forma” a concentración de mozos nas súas dependencias e aclarase as medidas que adoptarían cara ao futuro. Concretamente o defensor galego facía referencia na súa queixa á celebración dun botellón no campus o día do patrón dos aparelladores, que supostamente congregou a máis de dúas mil persoas na Zapateira. Nun segundo termo aludía aos presuntos incidentes rexistrados durante a festa do San Pepe nas dependencias universitarias de Elviña que, segundo recolleron varios xornais, remataron co lanzamento de obxectos e mesmo coa invasión das aulas por parte de mozos portando bebidas.
Na súa primeira resposta ao Valedor, a autoridade académica indicaba que a UDC “nin organizou nin autorizou nin consentiu ningún botellón nas súas instalacións” e engadía que só autorizara, “dado que se trata de actividades que forman parte dunha tradición universitaria de enorme raigame” a celebración do patrón da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica o 18 de marzo de 2010 e a celebración do patrón da Facultade de Informática o día 26 de marzo de 2010. Segundo o mesmo relato, as festas cumprían cos requisitos esixidos ao estudantado para celebralas; entre outros, a posta en coñecemento á Dirección de Seguridade Cidadán do Concello da Coruña.
Avaliada esta resposta, a institución dirixida por Benigno López González solicitou información complementaria tanto da propia Universidade da Coruña como do Concello herculino. O reitor dirixiu un segundo informe no que chegou a cuestionar as competencias do Valedor do Pobo en relación coa supervisión destes feitos, facendo mención, entre outros argumentos, ao principio de autonomía universitaria. No escrito onte remitido, o alto comisionado parlamentario, Benigno López, aclara ao ente académico cales son as súas funcións legalmente establecidas e insiste en que “as universidades galegas se atopan sometidas, igual que o resto dos poderes públicos, ao principio de legalidade, e por tanto lles afecta calquera forma de supervisión ou control para a súa garantía, entre elas a supervisión da institución estatutaria do VP”.
O Valedor critica asimismo que a UDC negase que o que se dera foran botellóns, dando a entender que se tratou de festas, celebracións ou espectáculos públicos regulares calificándoas como actividades “académico-culturais”.
Consumo de alcol
Segundo Benigno López, o aspecto mais rechamante do acontecido “e que acredita a falta de organización e a inadecuada actuación das autoridades académicas” foi a invasión e consumo de alcohol nas aulas, ao que a UDC non fai referencia. “Diso deducimos”, indica, “que se recoñece implicitamente e subliñamos que resulta especialmente negativo e mostra que a UDC non actuou adecuadamente, a pesar de ser coñecedora das previsións e de autorizar o evento”.
A Universidade da Coruña conta agora cun novo prazo dun mes para dar conta ao Valedor do Pobo da aceptación da recomendación formulada e das medidas que pensa adoptar para darlle efectividade, un aspecto, este, que se recolle ao peche do escrito onte remitido por fax dende o Valedor do Pobo ao reitor coruñés.
FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.