GALICIA: O Valedor do Pobo participou nas XXV Xornadas de Coordinación de Defensores

O titular da institución galega, Benigno López González, desprazouse os pasados días 27 a 29 de setembro á Rioxa para debater xunto cos seus homónimos autonómicos e representantes do Defensor del Pueblo sobre o impacto da crise económica no exercicio dos dereitos das persoas.

O Valedor do Pobo, Benigno López González, desprazouse os pasados días 27, 28 e 29 de setembro á  Rioxa para tomar parte nas XXV Xornadas de Coordinación de Defensores que nesta edición versaron sobre o impacto da crise económica no exercicio dos dereitos das persoas. O titular da defensoría galega actuou como relator no debate que sucedeu á lectura das conclusións do taller  «Evaluación del impacto de la crisis en la actividad de las Defensorías del Pueblo», no que tamén tomaron parte os representantes de Andalucía e Cataluña, moderados polo Justicia de Aragón, Fernando García Vicente. 

O encontro, de carácter anual, permitiu unha vez máis aos representantes de todas as Defensorias, tanto autonómicas coma do Defensor del Pueblo, compartir as súas experiencias na protección dos dereitos dos cidadáns.

Como en anteriores ocasións, as Xornadas coincidiron coa celebración dun foro cidadán que, neste caso, versou sobre os dereitos das persoas con especiais dificultades ante a crise económica. Neste, preténdese dar voz a representantes das entidades sociais destacadas polo seu labor en favor dos dereitos humanos.

 

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.