GALICIA: O reitor coruñés define como “manifestación cultural universitaria” os botellóns no campus

A Universidade rexeitou a recomendación do defensor galego para evitar a celebración de botellóns no campus alegando, entre outros motivos, que se trata de “manifestacións culturais universitarias”. O Valedor tivo que lembrar ao reitor que as universidades galegas están sometidas ao principio de legalidade, e por tanto “lles afecta calquera forma de supervisión ou control para a súa garantía”.

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, rexeitou a recomendación que o Valedor do Pobo, Benigno López González,  lle fixo o pasado mes de xuño co fin de que “se absteña” de autorizar novos botellóns no recinto universitario e evitar os que se poidan organizar sen o permiso correspondente. Entre outros argumentos, o mandatario universitario cualifica este tipo de celebracións como “manifestación cultural universitaria” algo que resulta “rechamante” ao defensor galego, xa que as concentracións do pasado mes de marzo no campus, nas que se centrou a queixa de oficio, foron valoradas de forma crítica tanto polos axentes que informaron como polos propios participantes.
 
A recomendación, que agora rexeita o reitor, foi remitida polo alto comisionado parlamentario o pasado 23 de xuño, despois de que o Valedor recabase información sobre diferentes botellóns celebrados no campus no mes de marzo e que, como puido coñecer, terminaran incluso con persoas bebendo no interior das aulas. Naquel momento, Benigno López González pedía ao ente académico “que no caso de producirse novas solicitudes de autorización para celebracións ou espectáculos no exterior dos recintos universitarios, con previsible afluencia masiva, esa Universidade se absteña de outorgalas, e no caso de coñecer a súa previsible celebración sen autorización, se realicen ou impulsen as actuacións precisas por quen corresponda para impedir que se produzan esas concentracións masivas con consumo de alcohol no entorno dos centros universitarios e aínda dentro dos mesmos, como sucedera no caso examinado, por resultar contrarias aos fins que son propios das universidades”.
 
A resposta da Universidade á recomendación fíxose agardar e,  non só non chegou no prazo legalmente establecido dun mes, senón que foi preciso reiterar o seu requirimento ata en tres ocasións, os días 5 de agosto, 8 de setembro e 8 de novembro, incluindo nesta última data unha advertencia por posible desatención das súas obrigas legais para co Valedor. Na mesma, como sucedera en comunicacións precedentes, o reitor abstense de comentar o que sucedera no interior das clases, o que para Benigno López mostra a inadecuada actuación: “Nin tan sequera se controlou o interior, dándose un uso claramente inapropiado a un centro público habilitado para as funcións docentes e investigadoras que son propias de calquera institución universitaria”.
 
 
Aspecto competencial
 

No seu escrito de hoxe Benigno López viuse de novo na obriga de lembrar cales son as súas competencias,  definidas na Lei 6/1984 do Valedor do Pobo,  e que o habilitan a someter a esa autoridade académica a supervisión. Como sucede no caso do Defensor del Pueblo, dos demais Comisionados Parlamentarios Autonómicos e doutros Ombudsmen, “as funcións do Valedor refírense tamén a supervisión xeral da Administración co fin de coñecer calquer posible vulneración do principio de legalidade” asevera Benigno López,  e engade que nuns termos moito mais amplos podería actuar ante “calquera suposto de mala administración”. En contra do manifestado polo reitor, o Valedor tamén lembra que pode promover tantas queixas de oficio como considere oportuno cara a denunciar actuacións ou abstencións das administracións públicas galegas contrarias á lei, irregularidades ou supostos de mala práctica.  
 
Segundo Benigno López, a súa actuación non só non atenta contra o principio de autonomía universitaria xa que “as universidades galegas se atopan sometidas, igual que o resto dos poderes públicos, ao principio de legalidade, e por tanto lles afecta calquera forma de supervisión ou control para a súa garantía”, senón que por lei abrangue un ámbito de supervisión moi amplo “que inclúe a todas as modalidades de administracións de Galicia, incluidas a autonómica, a local e a institucional e corporativa, aínda que funcionen con personalidade xurídica e de forma autónoma ou independente, e mesmo aos seus entes e empresas públicas ou dependentes. Loxicamente, afirma o Valedor,  “a autonomía universitaria non exclúea ás universidades galegas do seu carácter público e do seu sometemento ao Dereito, polo que tamén son obxecto de supervisión, como se ven facendo habitualmente sen ningún tipo de obxección”.
 
Dado o rexeitamento da recomendación formulada pola institución, o Valedor procederá a aplicar o previsto no art. 33.2 da súa Lei, e incluirá unha mención do asunto no Informe Anual dirixido ao Parlamento de Galicia correspondente a 2010, “ao considerarse que era posible unha solución positiva e esta non se deu por parte da UDC”.

 

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.