GALICIA: A Universidade de Vigo acepta unha recomendación do Valedor e cambia a denominación do seu título de moda

O Valedor do Pobo recomendou o pasado 15 de marzo á Universidade de Vigo a eliminar a denominación de «grao universitario» dos certificados, da publicidade e toda a información relacionada cos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda que imparte, e que estaba inducindo a confusión ao non tratarse de graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, senón de títulos propios.

 

Nunha resposta remitida o pasado 4 de abril á institución, a universidade acepta a resolución do Valedor y anuncia que en sesión ordinaria o consello de goberno decidiu cambiar o nome de «Graduado universitario en deseño téxtil e moda» pola denominación «Titulado superior en deseño téxtil e moda».

 

Efecto chamada

 

O Valedor decidira abrir a investigación a instancia dun dos alumnos que realizou os seus estudos formalizando a primeira matrícula no curso 2004-2005, entendendo que se trataba dun graduado universitario adaptado a Bolonia. A difusión da iniciativa do Valedor do Pobo provocou un efecto chamada e outros alumnos presentaron reclamacións no mesmo sentido.

 

O defensor, tras pedir informes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á Universidade de Vigo, dirixiu a súa recomendación a esta última para que eliminase dos seus títulos propios calquera mención que inducise a confusión con estudos de carácter oficial recoñecido, aclarando na publicidade difundida na súa páxina web, nos certificados académicos persoais e noutros documentos o alcance real dos títulos propios destas titulacións.

 

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.