GALICIA: Valedor investiga as folgas nos servizos de recollida de lixo dos concellos de Ames e Carno

O Valedor do Pobo, Benigno López González, abriu dúas queixas de oficio co obxecto de investigar os problemas derivados das folgas nos servizos de recollida de lixo que afectan na actualidade aos concellos de Carnota e Ames. Con data de hoxe dirixiu escritos aos alcaldes destes consistorios, co fin de que aclaren as actuacións previstas cara a rematar coa situación de conflictividade que están a atravesar.

 

Segundo recolle o expediente aberto polo Valedor nos dous casos  “a situación conflitiva actual non garante a prestación dun servizo municipal básico para a cidadanía”. Neste senso, no mesmo documento de queixa, o alto comisionado parlamentario afirma que a folga podería estar a afectar á salubridade das persoas e ao ornato público nos dous termos municipais.

 

O Valedor do Pobo anuncia a apertura “da correspondente investigación sumaria e informal para o esclarecemento dos feitos” aos rexidores  solicitando deles que “á maior brevidade posible, de acordo co previsto no art. 22.1 da Lei do Valedor do Pobo, nos facilite información sobre as actuacións programadas para paliar os efectos nocivos derivados de sete xornadas de folga no sector”.

 

Interesado por conflitos semellantes

 

Non é a primeira ocasión que o Valedor do Pobo se interesa a propia iniciativa por conflitos desatados entre os servizos municipais de retirada do lixo e diferentes consistorios. A principios deste mes decidía abrir tamén unha queixa en idénticos termos para aclarar o acontecido co paro, agora xa desconvocado, en Ourense, permanecendo a día de hoxe aberta a investigación, á espera de que o concello aclare o acontecido. No que vai de ano tamén fixo o propio cos concellos de Padrón e Santiago.
 

FUENTE:  Valedor do Pobo de Galicia, España.