GALICIA: Con motivo do «Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres»

A Organización de Nacións Unidas ten institucionalizado cada 25 de novembro como Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, entendendo por esta, todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino, ou que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual, psicolóxico para a muller; así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública como na vida privada. Nesta xornada,  o Valedor do Pobo, na súa encomenda de salvagardar os dereitos das persoas mediante a supervisión das políticas públicas das administracións,  quere denunciar abertamente todo xeito de comportamento violento que xermine nunha cuestión de xénero.

Nun día como hoxe, pero tamén durante o resto do ano, as nosas institucións teñen o deber moral de contribuír a facer visible unha das grandes lacras que asolan ás sociedades desenvolvidas. É nosa tarefa defender a muller como colectivo vulnerable e facer visibles os males que lle asolan, xulgalos e condealos para que non se repitan. Tamén temos que acompañala no seu camiño cara unha nova vida, brindarlle os instrumentos precisos, protexela e acollela para que eses feitos poidan ir cicatrizando.

Como Valedor do Pobo, no ámbito das funcións que teño encomendadas, brindo unha man no día de hoxe, e nos que quedan por vir,  a todas as mulleres, a todas nenas, ás persoas que son víctimas dalgún tipo de agresión;  e comprométome, coas ferramentas que teño ao meu dispor,  a facer pedagoxía de dereitos con estes colectivos xa que, só a través do coñecemento, da concienciación social e da información comezaremos a vislumbrar unha luz ao final do túnel.

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.