GALICIA: Avances para que o IES García Barros da Estrada teña un profesor de apoio en audición e linguaxe

O Valedor do Pobo, Benigno López González, decidiu concluír as súas actuacións en relación coas queixas remitidas polo ANPA e o equipo de orientación pedagóxica do IES Manuel García Barros da Estrada en demanda de profesorado de apoio de audición e linguaxe para atender un total de 10 alumnos do centro. A inspección educativa de Pontevedra remitiulle un informe no que lle comunica que solicitou á Consellería de Educación un mestre desta especialidade para que poida cubrir as carencias, a pesar de que esta figura, ao contrario que nos centros de primaria, non está contemplada para os institutos de Secundaria.

«O informe sinala que o inspector solicitou un mestre de audición e linguaxe para atender as necesidades ás que hubera lugar, polo que confiamos en que esta petición sexa atendida se os recursos dispoñibles o permiten», explica nun novo escrito remitido recentemente aos afectados o defensor galego. No mesmo engade que «en tempos de restricións orzamentarias e escaseza de medios como o actual, a cualificación do profesorado e o seu axuste as demandas reais do alumnado dos centros é un criterio de gasto prioritario».

Benigno López indica, por outra banda, que non se pode falar de que os 10 estudantes afectados estean pasando por unha situación de abandono, xa que, como afirma a inspección no seu informe, na actualidade están sendo atendidos por unha profesora de pedagoxía terapéutica e en clases de recuperación de apoio: «Fíxose unha adaptación para eles, dedicándolles as horas lectivas da segunda lingua estranxeira».

Só para Primaria
En canto á administración educativa, o Valedor do Pobo indica que é esta a responsable de determinar o cadro de persoal dos centros. «Neste suposto, parece que as medidas adoptadas son conformes a dereito», manifesta López en relación a que a normativa establece que os centros de educación secundaria non teñen que ter obrigatoriamente no seu cadro de persoal expertos en audición e linguaxe, salvo que se dean casos severos de disfuncións.

Ao entender que o problema que motivou a queixa está en vías de solucionarse, o Valedor do Pobo decidiu concluír a súa investigación, sen prexuízo de vixiar que a Consellería de Educación dea efectividade finalmente ao solicitado pola inspección.

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.