GALICIA: Defensor galego debate cos seus homónimos europeos sobre os dereitos dos inmigrantes

O Valedor do Pobo de Galicia, Benigno López González, participa en Barcelona, xunto os defensores de toda Europa, estatais, rexionais e locais, na Conferencia e Asemblea anuais que cada ano celebra nunha cidade diferente o Instituto Internacional do Ombudsman. Nesta ocasión, os titulares das institucións reúnense en torno ao lema «Europa, sociedade aberta?», e reflexionan acerca dos dereitos propios dos inmigrantes.

Entre os invitados destacados desta convocatoria atópanse o Comisario dos Dereitos Humanos do Consello de Europa, Thomas Hammarberg; o Defensor do Pobo da Unión Europea, Nikiforos Diamandouros, e o presidente do IOI e Ombudsman sueco, Mats Melin.

As sesións arrincaron cunha conferencia de Michael Villan, presidente da Comisión de Migracións do Consello de Europa, como argumento de partida para que os asistentes participasen os os catro talleres sobre os dereitos dos inmigrantes desde a perspectiva da súa participación política, a infancia, a exclusión social e a crise, e a integración ou asimilación.

O programa brindou aos defensores tamén a oportunidade, de debater acerca da aplicación do Tratado de Nacións Unidas sobre a Prevención da Tortura e outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, un asunto para o que se contou coa presenza, como relatores, de Malcolm David Evans (Subcomité para a Prevención da Tortura, de Nacións Unidas), Mauro Palma (Comité para a Prevención da Tortura, do Consello de Europa) e Barbara Berneth (Asociación para a Prevención da Tortura).

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.