GALICIA: Representación do Valedor do Pobo nos talleres preparatorios das XXVI Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo de España

A institución do Valedor do Pobo está representada estas semanas nos talleres preparatorios das XXVI Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo que se celebran o próximo mes de xuño en Murcia co lema Os dereitos das persoas maiores. O programa previo de encontros de técnicos das diferentes defensorías arrincou este xoves 28 de abril en Albacete, onde representantes de todas as oficinas analizaron os dereitos socio-económicos deste grupo de poboación.

O de Albacete é só foi o primeiro dos tres talleres previstos. Os outros dous, celebraranse os días 3 e 4 de maio en Alacante (o único sen representación da institución galega) co título Personas en situación de dependencia: especial consideración ás persoas maiores; e na Palma os días 10 e 11 de maio sobre Dereitos sociosanitarios ou outros dereitos.

O plan de traballo do taller de Albacete incluiu como proposta de análise temas vinculados cos dereitos socio económicos das persoas maiores como son a pobreza, o sistema de pensións, as prestacións que reciben, a súa accesibilidade á vivenda ou cuestións relacionadas coa fiscalidade. Na mesa de traballo, os participantes puideron coñecer parte das actuacións desenvolvidas pola defensoría de Castela-A Mancha neste ámbito.

No caso de Alacante, os participantes debaterán sobre as diferentes situacións de dependencia que afectan ás persoas maiores. Durante as dúas xornadas previstas de reunión poranse sobre a mesa asuntos como a protección xurídica deste colectivo ou a análise pormenorizada da Lei de Dependencia no que concierne ás persoas de maior idade. As diferentes defensorías poderán achegar a súa perspectiva á luz das queixas tramitadas e as resolucións adoptadas e o Síndic Valenciano explicará aos asistentes ao detalle como funciona o sistema valenciano para a promoción da autonomía persoal e a atención á dependencia.

O Valedor do Pobo, Benigno López González, asistirá en persoa ao último taller que se celebrará na illa da Palma os días 10 e 11 de maio organizado polo Deputado do Común. O documento base sobre o que se traballará, tendo como tema xeral os dereitos sociosanitarios e outros dereitos das persoas maiores, inclúe cuestións de diversa índole como as derivadas da cobertura sanitaria que reciben tanto no seu enderezo como en centros sanitarios e residencias; a atención nos diferentes niveis, os coidados paliativos, a cobertura farmacéutica ou as políticas de participación desta cidadanía de idade avanzada, entre outras.

En cada un dos talleres organizados consensuarase un documento de conclusións que serán presentadas por representantes dos diferentes grupos de traballo no marco das XXVI Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo de España, que este ano se celebrarán en Cartaxena, Murcia, os días 6, 7 e 8 de xuño.

FUENTE: Valedor do Pobo de Galicia, España.